Achégase o Samaín e con el... os premios Tintubro!
Ola Lingoreteir@s! Hoxe estamos moi emocionados porque xa está moi preto o Samaín, e con el, o resultado do noso concurso #Tintubro!
Pero antes de entrar en materia, gustaríanos falar un pouco desta data, tan coñecida coma estraña en realidade. E é que ata fai moi pouco tempo, o noso querido Samaín era coñecido por mor da televisión como Halloween, a famosa celebración anglosaxoa. Pero a verdade é que en Galicia nunca existiu un Jalogüin nin nada que soase similar.
Se preguntades aos vosos avós e avoas pola celebración da noite do 31 de outubro, seguramente vos falen da noite de defuntos, noite das ánimas ou noite dos calacús, que non son outra cousa que cabazas. Foi o profesor Rafael López Loureiro o que recentemente, a través dun estudo, relacionou as festas que celebraban as nosas avoas e avós por esta data, cos ritos célticos que tiveron lugar hai máis de 3.000 anos. O termo Samaín provén da palabra galaica “Samhain” que significa fin do verán e inicio da invernía. E precisamente isto era o que celebraban os celtas fai moitos, moitos anos. Esta data, a noite do 31 de outubro, marcaba o fin da recolecta de colleitas e o inicio dun novo ciclo de escuridade e frío, tal e como acontece en Galicia.
En calquera caso, chamédeslle como lle decidades chamar, en Galicia temos a nosa propia festa para esta noite. E con ela, as nosas propias tradicións: comer castañas, pintar a cara con cinza, tallar cabazas ou calacús e deixar ofrendas ás ánimas dos mortos que nos visitan estes días. E quen sabe, igual en Canicouva inauguramos unha nova, co noso reto #Tintubro.
E xa postos a adentrarnos no mundo das ánimas, de seguro que co reto Tintubro aprendechedes un montón sobre seres mitolóxicos galegos! Así que por aquí vos deixamos un Kahoot para que botedes se vos apetece, unha partidiña cos vosos compis de clase!
E agora si, imos ao que todas estades esperando! Os gañadores e gañadoras do reto #Tintubro. Temos que recoñecer que nolo puxéchedes moi difícil, e aínda que é algo que sempre se di, neste caso é verdade verdadeira. O xurado do Tintubro estivo deliberando máis do que esperaba e as puntuacións estiveron moi rifadas ata o último segundo. Tanto que deliberou, que a noite das votacións, os membros do xurado foron visitados por Gatipedros e Tarascas. Así que felicitamos ás persoas gañadoras, pero tamén a todas aquelas participantes que vos esforzáchedes un montón por facer deste, un reto á altura! Vós tamén sodes gañadoras! Deixamos por aquí os afortunados e afortunadas aos que se lle entregará o merecidísimo premio o día da festa do Magosto. Moitos parabéns!
Comentarios
Publicar un comentario