TINTUBRO

Ola lingoreteiros e lingoreteiras! Alguén por estes lares coñece o Inktober? Estamos seguras de que si! Trátase dun desafío creado por Jake Parker en 2009 para mellorar os hábitos de debuxo. Desde entón, miles de artistas  participan cada ano, compartindo as súas creacións en redes sociais. Inktober provén das palabras ink + october; ink en inglés significa tinta, e october débese a que o desafío se desenvolve durante o mes de outubro.

E como outubro é o mes do Samaín, non vemos mellor xeito de celebralo que uníndonos á proposta de @a_fiestra_da_mestra e realizar un reto terrorífico. Así que aquí vos presentamos o noso... TINTUBRO!

Seguro que se pensades no Samaín, rapidamente se vos veñen á cachola morcegos, cabazas, bruxas e pantasmas. E todas elas son figuras bastante arrepiantes, con presencia nas mellores películas sobre esta celebración. Pero sabedes? En Galicia temos un feixe de figuras terroríficas que superan con creces a calquera morcego desorientado. Si, si, como volo contamos. E é que imaxinades vivir nunha aldea sen máis luz que a chama dunha candea? Así vivían moitas persoas en Galicia non fai tanto tempo, e saír da casa de noite era cousa de valentes. Tanta escuridade propiciaba que os máis falcatrueiros e falcatrueiras contasen historias de medo que atemorizaban a máis de un! E é que na mitoloxía galega non faltan seres aterradores que a ninguén lle gustaría atoparse de noite.

Aquí vos presentamos a algúns deles, para que deixedes voar a vosa imaxinación e o voso lapis. Pero como a valentía é algo moi persoal (e por aquí somos moi medorentos), imos a proporvos 2 retos distintos. Un máis suave, cuxas propostas podedes ver no seguinte póster, e un para os e as máis atrevidas, que podedes ver na presentación de abaixo. En calquera caso, sodes libres de participar no que máis vos apeteza!

O reto consiste en debuxar algunhas das propostas que se vos presentan (ou todas se estades moi creativas). Haberá algún premio, así que cantas máis participacións, máis posibilidades de ganar! Para iso deberedes realizar o voso debuxo nun soporte tamaño A-4 (folio, cartolina, cartón...) e entregalo a vosa titora ou titor antes do luns 24 de outubro. Non esquezades pór o voso nome e curso no reverso do soporte!

Moita sorte Lingoreteir@s!


Comentarios

Publicacións populares deste blog

A visita do Apalpador

A Voz do Canicouva