Feliz Candeloria!

 

Moi feliz Candeloria lingoreteiras e lingoreteiros! Hoxe é 2 de febreiro, o día da Candeloria ou a festa das candeas. Sóavos de algo? Seguramente non, pero para iso estamos por aquí, para contárvolo!

Durante moito tempo, tratouse dunha data moi importante en distintas culturas porque coincide coa metade do inverno, o que significa que só queda medio inverno máis para chegar á primavera. Por este mesmo motivo, constituía un día sinalado nos ciclos naturais, e pobos coma o romano ou o celta celebrábano con moita alegría. Trátase dunha época na que, pese a non ser aínda primavera, comezan a percibirse cambios na contorna: as árbores e plantas comezan a amosar os seus primeiros xermolos e os paxaros buscan parella e preparan as súas longas viaxes migratorias.

Así pois, na mitoloxía celta durante estas datas celebraban o Imbolc que é un dos seus catro principais festivais. O Imbolc constituía unha festa de luz, de acordo co feito de que o inverno comeza a abrir e os días comezan a ser cada día un pouquiño máis longos.

Pola súa parte, na antiga Roma celebrábanse as Lupercais, en honra a Luperca, a loba que aleitou aos famosos  Rómulo e Remo.

Á Igrexa esta festa á natureza non lle acabou de convencer, e preferiu modificala un pouco, así que no ano 492 o Papa Xelasio I decidiu transformala nunha celebración relixiosa onde a luz seguía tendo todo o protagonismo. Deste xeito, realizábanse procesións con candeas acendidas durante toda a noite, algo moi fermoso de ver. Como cando nos concertos acendemos a lanterna do móbil, pero co encanto da cera e das chamas escintilantes.

Pero volvendo ao noso tempo e ao que significa esta data, como dicíamos, arredor da Candeloria comezan a agromar os primeiros xermolos das plantas e os paxariños comezan a buscar parella. Por iso se di que a Candeloria é a data na que casan os paxariños, e como reza o refrán: A partir da candeloria, ningunha ave voa soa [descargar debuxo aquí]. E con isto de que a natureza comeza a aflorar e os paxariños buscan parella, algunhas persoas consideran que o día dos namorados debería celebrarse o 2 de febreiro porque a fin de contas, é unha celebración dedicada ao curso da natureza e que en Galicia tivo moito peso, e quédanos máis preto que o coñecido santo romano.

Bandada preparada para visitar as aulas do Canicouva.

En calquera caso, pensamos que sexa un día ou outro,  celebrar o amor sempre está ben! E non só o amor romántico, senón tamén o amor á familia, ás amizades, á veciña que sempre ten un detalle con nós... en definitiva, parécenos fermosísimo celebrar o amor con aquelas persoas que nos coidan e que fan que os nosos días estean cheos de luz. Así que desde aquí, e coa escusa da Candeloria ou do San Valentín, animámosvos a escribirlle unhas palabras a esa persoa que sempre está aí... e si é en galego, moito mellor 😊

Para despedirnos e non perder vellas costumes, gustaríanos compartir por aquí un pouquiño de música galega. E co gallo do casamento dos paxariños compartímosvos o tema TI+EU de Udra que neste caso colabora coa artista viguesa High Paw. Iso si, precisades Spotify para escoitala! 

 Boa escoita e feliz Candeloria!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A visita do Apalpador

A Voz do Canicouva

TINTUBRO