O Apalpador
Ola queridas e queridos lingoreteiros! Levamos xa un tempiño sen pasarnos por aquí, pero achégase o Nadal e non hai nada que nos guste tanto coma as celebracións! E é que o Nadal fai que todo sexa moito máis fermoso: as rúas engálanse cos seus mellores adornos, volven as sobremesas máis ricas do ano, pasamos tempo coas nosas persoas favoritas e ademais... de cando en vez cae algún agasallo!
E como tamén nos gustan moito os agasallos, e non
só os materiais; gustaríanos
presentarvos a alguén que dedica a súa vida a facer agasallos para os demais: O
Apalpador. Seguro que moitas e moitos xa escoitáchedes falar del algunha vez, para
os que non, por aquí vos traemos algunha información para que poidades coñecer
a este personaxe un chisquiño mellor.
O Apalpador, tamén chamando Apalpabarrigas ou
Pandegueiro, é un home alto que vive nas montañas de Galicia. Algúns meniños e
meniñas que tiveron a sorte de velo din que é un xigante, pero quizais isto sexa
un efecto óptico da perspectiva infantil.
O Apalpador traballaba antigamente de
carboeiro. Sabedes o que é un carboeiro? Aquí non o sabíamos, pero puxémonos a
investigar e descubrimos que os carboeiros eran as persoas encargadas de converter
as raíces das xestas e torgueiras en carbón. Para iso había que arrancar con
moita forza as raíces destas plantas e introducilas nun buraco moi profundo que
se facía no chan. Despois tapábanse con terra ata que se apagasen. Por último,
cando as raíces se convertían en carbón, levábanse as aldeas para vendelas entre
as persoas que as precisasen. E quen precisaba o carbón? Pois practicamente
todo o mundo. Como antes non había calefaccións e no inverno facía tanto frío
como agora, nas casas utilizábase o carbón para quentar as cociñas. Tamén o
empregaban os ferreiros para forxar todo tipo de instrumentos e utensilios.
Hoxe en día dispomos de outros métodos para
quecer os nosos fogares e o oficio de carboeiro foi desaparecendo, polo que o
Apalpador xa fai moito tempo que deixou de vender carbón. Pero tantos anos
traballando na montaña fixo que se acostumara a vivir na natureza, entre os
animais e árbores que tanto lle gustan, polo que aínda que xa está retirado,
decidiu seguir vivindo alí. No bosque leva unha vida moi sosegada: coida o
entorno e recolecta froitos e bagas para alimentarse todo o ano. Durante o outono
tamén recolle castañas, máis das que pode comer, adiviñades para que?
O Apalpador tamén ten as súas afeccións, e
ademais do seu amor pola natureza unha das cousas que máis lle gusta é tallar a madeira que recolle no bosque para facer pequenos xoguetes que tampouco son para el, ou
ao menos non todos! Pode pasarse horas e horas dándolle forma a pequenos paus e
rachas ata convertelos en fermosos xoguetes provintes das árbores máis
fermosas! E entre castañas e árbores, bagas e xoguetes; o Apalpador pasa a súa
existencia.
E esta é a pequena historia do Apalpador. En
Lingoreteir@s non o coñecemos nin tivemos a sorte de velo nunca, pero
conseguimos contactar con alguén que o coñece moi ben e envía un saúdo para
todas as nenas e nenos do CEIP Canicouva. Ademais, pídenos que á parte de levar
unha alimentación saudable, coidemos moito a natureza e os nosos bosques porque
ultimamente chega moito lixo ás montañas e xa non vive tan cómodo como antes. A
verdade, parece un bo propósito para o novo ano... apuntádesvos?
E xa para rematar, deixámosvos por aquí unha
pequena proba para ver canto aprendéchedes sobre o Apalpador... Boa sorte!
Na misión Luces os vídeos comezan a reproducirse no punto exacto para a realización das preguntas. Non é preciso darlle para atrás, tan só activar o volume.
Comentarios
Publicar un comentario