Ay Deus se sab'ora meu amado!
É por que vimos hoxe a falar de Martín Codax?
Pois porque o pasado 1 de abril celebrouse o Día das Artes Galegas e este ano dedicouse
a súa figura.
Martín Codax foi un trobador galego que viviu
na Idade Media (entre o ano 1200 e 1300). Os trobadores eran poetas medievais
que na época se dedicaban a compoñer cantigas para que os xograres entretivesen
ao seu público recitando pezas, tocando instrumentos e facendo distintos xogos.
Pese a que o nome de Martín Codax é ben coñecido en Galicia, dándolle nome a unhas afamadas bodegas así como a uns importantes premios musicais, o certo é que o paso do tempo e a pouquísima información que chegou ata os nosos días, fai que as incertezas en torno á Martín Codax sexan maiores que as evidencias, existindo dúbidas incluso en torno ao seu propio apelido. Así pois, a súa vida está chea de incógnitas e a súa orixe tampouco está clara, aínda que se cre que era de Vigo ou arredores, polas numerosas referencias a nosa cidade que aparecen nas súas composicións.
Do que non hai dúbida é de que Martín Codax foi unha persoa con boa formación musical e talento, xa que algunhas das súas producións si chegaron ata os nosos días. Concretamente consérvanse sete cantigas de amigo que están recollidas en distintos cancioneiros, é dicir, en libros que recollen unha colección de cancións. Tamén aparecen no Pergamiño Vindel custodiado en Nova York:
Ondas do mar de Vigo
Mandad'ey comigo
Mia yrmana fremosa treydes comigo
Ay Deus se sab'ora meu amado
Quantas sabedes amar amigo
En o sagrad'en Vigo
Ay ondas que eu vin veer
E que é eso dunha cantiga de amigo? Pois que
non vos engane o nome, as cantigas de amigo son pequenas cancións de amor, e
chámanse así porque case sempre levan a palabra amigo no seu primeiro verso.
Xa para ir rematando, un apunte final. Estou segura que vos pareceu un pouco rara a forma que tiña o trobador de escribir as cantigas. Isto débese a que o galego que falamos hoxe en día é bastante distinto ao que empregaba Codax. Aínda que aprendamos as linguas dun determinado xeito, as linguas son dinámicas, é dicir, evolucionan cos cambios políticos, as mudanzas sociais, os avances científicos... Dito de outro xeito, teñen que adaptarse ás necesidades de cada xeración. É por iso que fai anos non existían palabras como cancelo ou ao menos non co actual significado, que naceu coa aparición de Twitter.
Pero non nos desviemos do tema. Martín Codax
viviu nunha etapa na que a lingua que se falaba era o galego medieval, tamén
chamada galego-portugués porque se falaba tanto en Galicia como no Norte de
Portugal, e que co paso do tempo e os devires da historia, se foi diferenciando
en dúas linguas: a galega e a portuguesa.
Nesta lingua, Martín Codax escribiu as cantigas de amigo que se recollen no pergamiño Vindel. Algo moi excepcional deste pergamiño, é que ademais das letras das cantigas tamén se rexistra a súa notación musical, polo que estas poden ser reinterpretadas no presente. E resulta fermosísimo que hoxe en día poidamos escoitar música que foi creada fai máis de 600 anos, non credes?
Comentarios
Publicar un comentario