O xenio e o seu contexto

Queridas lingoreteiras e lingoreteiros! Onte foi 8M, un día non de celebración senón de análise e reflexión sobre o espazo que ocupamos as mulleres nas distintas esferas da sociedade. Un día para alzar a nosa voz. 
Como sabedes, este ano o proxecto do centro son as artes plásticas, polo que nos pareceu moi interesante reflexionar tamén sobre a relación que as mulleres mantivemos coa arte e quenes son os artistas que estudamos e admiramos ben no cole ou ben fóra del. 
Así que vos propoñemos un reto: collede lapis e papel e anotade nel todos os nomes que se vos ocorran de grandes artistas cunha carreira profesional chea de éxitos e recoñecemento, que estudáchedes na escola ou visitáchedes nun museo. 
 E agora vén a pregunta: de toda esa listaxe, cantas son mulleres? Aventurámonos a dicir que ben poucas, xa que a día de hoxe todos coñecemos o papel da muller ao longo da historia, relegadas ao coidado e afastadas da súa realización profesional. 
Pero non só iso, senón que tamén nos parece importante reflexionar sobre a figura de xenio, sempre vinculada ao mundo masculino, e sobre todo, reflexionar sobre os condicionantes que posibilitan a determinadas persoas chegar a ser un xenio. En verdade esta reflexión non é nosa, senón que chegamos a ela da man de Eugenia Tenenbaum e imos deixarvos por aquí un fragmento do seu vídeo orixinal traducido ao galego (con moitas licenzas). 
Pero antes de nada queremos presentar á fantástica Eugenia que entre moitas cousas é historiadora da arte con perspectiva de xénero e que a día de hoxe realiza un traballo de divulgación incrible. Eugenia é autora do libro “La mirada inquieta” onde achega á arte a todas as lectoras sen necesidade de ter coñecementos previos, pero que ademais nos axuda a cuestionarnos determinados principios que sempre demos por válidos. E non nos esquecemos de dicir que Eugenia é galega e que nos encantaría ver o seu próximo libro escrito en galego! 

Foto de Eugenia cedida por ela a ctxt.es para unha entrevista.


 Despois desta breve presentación, deixámosvos por aquí o fragmento no que Eugenia reflexiona sobre a creación artística, os coidados e a figura de xenio. 

«Non é so relevante que nos preguntemos ¿que sería de [inserte nome de calquera gran artista aquí], ben sexa Picasso, Rembrandt, Velázquez ou Rubens; se todos eles tivesen que prepararse a súa propia comida? senón que tamén nos preguntemos cal é o contexto necesario para levar a cabo calquera tipo de creación artística. 
Máis que nada porque os exemplos anteriormente citados, sobre todo os de Picaso, Rembrandt e Rubens, correspóndense non só con perfís de artistas senón tamén con perfís de maridos e pais, que en ningún caso tiveron que coidar das súas mulleres nin da súa descendencia, e iso é un privilexio masculino, que neste caso afecta de maneira substancial á creación artística, sobre todo cando comparamos o tempo que poden dedicar os artistas ao seu traballo e o que poden dedicar as artistas ao seu traballo. 
Porque o que non podemos nin debemos esquecer é que a creación artística nunca ou practicamente nunca é unha cuestión de talento, a creación artística é maiormente que ti teñas un contexto socioeconómico que combinado co tempo do que ti dispós, che permita facer algo co teu talento. 
E nesta formula que mestura o talento coa creación artística e co tempo, para desenvolver ambas cousas non podemos esquecer que o tempo se configurou de distintas formas se eras un home ou unha muller. Aquí é onde entra a importancia do coidado e a súa vinculación coa creación artística. Entender esta relación non só nos leva a realizar unha análise con perspectiva de xénero de obras concretas senón tamén do desenvolvemento de determinados artistas, e de derrubar esa crenza de que existe un xenio artista como algo individual. 
Non, o xenio artístico non existe, senón que é unha sucesión de traballos colectivos polos cal, unha persoa de forma individual pode aglutinar todo o seu tempo arredor da creación artística a costa de que outras persoas lle cedan o seu propio tempo. Quen son as persoas que historicamente estiveron condicionadas ou directamente obrigadas a ceder o seu tempo a través do coidado a favor da realización persoal de outros suxeitos? As mulleres. As mulleres a favor do tempo dos homes, porque o tempo das mulleres nunha sociedade patriarcal non é só que vala menos, senón que está supeditado ao tempo dos homes. 
E de aí a pertinencia de que deixemos de preguntarnos, “oh, por que [determinado artista]era tan bo e tiña tanto talento? e nos preguntemos, cal é a cantidade de traballo invisibilizado, de coidados invisibilizados e de tempo invertido nestes homes para que puidesen facer o que querían facer e para que puidesen ser o que remataron sendo(...) 
Cambiar a dirección da pregunta tradicional, fainos entender que non existe tal cousa como o xenio, senón unha persoa privilexiada pola súa situación socioeconómica. Porque non nos enganemos, artista non foi nunca só quen quere, senón que é sempre quen pode, así que menos preguntarnos porque eles son sempre tan bos e máis preguntarnos quen estaba detrás para que puidesen selo.» 

Parécenos importantísima esta reflexión de Eugenia, para entender entre outras moitas cousas como se configura a obra dun renomeado artista, pero tamén para visibilizar e darlle espazo, posto que nunca terán nome, a todas esas persoas que entregaron o seu tempo e a súa vida para que outros puidesen triunfar. Non se trata de desdeñar a obra de ningún artista senón de mudar a nosa mirada sobre ela e entender que detrás dunha gran creación non só está o traballo do propio autor, senón que existe unha enorme cantidade de traballo non remunerado que permitiu a súa creación. Porque coñecer o contexto dunha obra é importante, visibilizar a figura da muller ao longo da historia é de xustiza. Desfrutade moito da arte!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

A visita do Apalpador

A Voz do Canicouva

TINTUBRO