23F: o Día de Rosalía de Castro
Benquerida comunidade lingoreteira! Hoxe celébrase o Día de Rosalía de Castro, por ser o día do seu aniversario.
Rosalía de Castro naceu o 23 de febreiro de 1837 en Conxo (Santiago de Compostela) e é unha das autoras galegas máis coñecidas ao longo do mundo. Si, ao longo do mundo, sen esaxerar. Non esaxeramos porque Rosalía sexa galega e a súa obra nos guste moito ou porque lle dese valor a nosa lingua e cultura, senón que de certo a súa obra e figura é recoñecida máis alá do que imaxinamos. Porque... sabiades que Rosalía de Castro aparece nos cómics de Batman? E que ten un mural en Nova York da man da artista viguesa Vanesa Álvarez? E que a súa imaxe voa nun avión da compañía Norwegian Air? Pero non só iso, senón que o nome de Rosalía resoa a millóns de quilómetros do noso propio planeta, xa que a escritora conta cunha estrela co seu nome. Si, si, como oídes. Aí fóra no ceo estrelado hai unha estrela que se chama Rosalía de Castro en honra a nosa gran poeta. E aínda que desde aquí se vexa ben pequeniña e tímida pola distancia, a estrela de Rosalía é un pouco máis grande que a nosa estrela o Sol. Como recitaba Rosalía en Cantares Gallegos «Cada estrela, o seu diamante» e ela xa ten o seu propio no firmamento.
Rosalía foi unha novelista e unha gran pioneira da poesía española moderna e do pensamento feminista, pero ademais foi unha peza clave do Rexurdimento. E que é isto do Rexurdimento? Trátase dun movemento que estudaredes no instituto, pero dito así de forma moi rápida e resumida, consistiu en pór en valor a lingua e cultura galega nunha época en que estaba moi deostada. Escribir usando a lingua galega non tiña ningún sentido. E pese a que Rosalía empregaba tamén a lingua castelán nas súas publicacións, o uso da lingua galega en libros como Cantares Gallegos foi todo un acto revolucionario e por iso, o día das Letras Galegas se celebra o 17 de maio, coincidindo co día en que se publicou Cantares Gallegos (que por certo, se fixo en Vigo).
Estudar a Rosalía de Castro non é unha tarefa do todo
doada, xa que existen moitas lagoas e datos contraditorios en torno a súa vida.
Pero outros datos pertencentes a súa traxectoria vital e publicacións están máis
que refutados. Poderiámonos estender por aquí con eles, pero pensamos que este
magnífico Genially elaborado por distintos centros da provincia de Coruña e Ourense coa colaboración de Davila, resulta moito máis entretido para achegarse á
autora.
Para aquelas persoas que quedástedes con ganas
de seguir pondo a proba o voso coñecemento, deixámosvos un rosco elaborado
colaborativamente tamén por centros da provincia da Coruña, provincia onde
Rosalía pasou parte da súa vida.
Comentarios
Publicar un comentario