Visita á sala Ártika

Ola Lingoreteir@s! Canto tempo sen vernos! Asomamos os fociños por aquí para darvos un pouco de envexa, e é que esta semana o alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria fixemos algo que nos gusta moito, moito! E non, non está relacionado coa comida. Bueno, non directamente... vamos, que non se trata de comer, pero en realidade si está relacionado coa comida... Non vou dar máis voltas porque enredo... o caso é que fomos ao teatro! E que teatro! Fomos á magnífica Sala Ártika que coa súa programación alimenta a peques e maiores. 
Pero é que ademais non vimos calquera obra, senón que tivemos a sorte de asistir a Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, que no ano 2020 foi galardoada cun María Casares a mellor espectáculo infantil. 

 
Non queremos por aquí destriparvos a obra por se tedes a oportunidade de vela, porque aínda que é a partir de 3 anos as mestras tamén riron moito. Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos trátase como o nome di, dunha comedia musical a mar de entretida que pon en voga valores tan necesarios como a diversidade e a importancia do traballo en equipo. E entre bailes e cancións, boliños de crema e madalenas modernas aprendemos moitas cousas, como por exemplo, que os muffins levan glaseado. 
 Non tiramos máis do fío que xa contamos moito, simplemente vos animamos a visitar as salas da vosa cidade sempre que teñades oportunidade! E que viva o teatro!

Comentarios

Publicacións populares deste blog

O Apalpador

TINTUBRO

A visita do Apalpador