25N. Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller
Ola Lingoreteir@s! Esta semana conmemórase o 25N e desde aquí queremos sumarmos á denuncia contra a violencia que sofren milleiros de mulleres ao longo de todo o mundo.
E por que o 25 de novembro? A elección desta data ten a súa orixe en Colombia, no ano 1981. Alí celebrouse un encontro internacional onde as mulleres asistentes denunciaron a violencia que sufrían, intercambiaron ideas e ademais, decidiron marcar a data do 25N como día conmemorativo para rememorar o asasinato das irmás Mirabal. Estas irmás eran tres activistas políticas que foron asasinadas o 25 de novembro de 1960 pola policía secreta da República Dominicana.
Foi no ano 1999 cando a ONU outorgou carácter oficial a esta data, converténdose ano tras ano nun día de lembranza das mulleres falecidas e de loita contra a lacra da violencia que a día de hoxe segue vixente.
En España no que levamos de ano, un total de 38 mulleres foron asasinadas vítimas da violencia de xénero, ningunha delas pertencentes a Galicia. Aínda que é un dato esperanzador para a nosa Comunidade, debemos subliñar que a actual lei española, a Lei Orgánica 1/2004, só contabiliza como vítimas de violencia de xénero aquelas mortes perpetuadas por agresores que gardan un vínculo de afectividade coa vítima, polo que moitas das mulleres vítimas de violencia machista non entrarían dentro das estatísticas de violencia de xénero, e por tanto non terían nin nome nin rostro.
Chegados a este punto parécenos importante recordar que existen a disposición da cidadanía unha serie de servizos asistenciais completamente gratuítos e confidenciais onde proporcionan información e asesoramento as 24 horas do día. Non é preciso facilitar datos persoais e calquera persoa do entorno da vítima pode chamar para obter información.
Teléfono: 016
Teléfono da Muller: 900 400 273
WhatsApp: 600 000 016
Correo electrónico: 016-online@igualdad.gob.es
Cómpre indicar que as chamadas ao 016 non quedan rexistradas na factura telefónica, pero si no propio teléfono polo que é preciso eliminalas por precaución.
E como desde Lingoreteir@s cremos enormemente no poder da arte para reflexionar e mudar o mundo, co gallo do noso actual proxecto de centro gustaríanos dar visibilidade ao traballo que as artistas galegas realizan para denunciar a violencia machista. Pero antes de nada, queremos dar a coñecer as actividades culturais que programou o Concello de Vigo, a meirande parte delas destinadas ao público adulto. Entre estas destacamos a obra de teatro Comando Comadres de Matrioshka Teatro, dirixida tamén a adolescentes, que actuarán o 23 de novembro na Praza do Rei; e o concerto da Banda da Loba que terá lugar o 2 de decembro no mesmo espazo.
Por outra banda a Deputación de Pontevedra inaugurará a exposición colectiva Dende a fenda, que reúne o traballo plástico e audiovisual de distintas artistas galegas, e que a través da súa obra promoven a reflexión sobre a violencia e a brecha de xénero. A exposición inaugurarase este xoves 24 e poderase visitar ata o 15 de xaneiro.
E non podemos falar de artes plásticas sen lembrar á artista urbana viguesa Vanesa Álvarez, que actualmente vive en Nova York. Vanesa é a responsable dun dos murais máis coñecidos da nosa cidade contra a violencia machista. O seu traballo transcende fronteiras e a artista pasea a cultura galega alá onde vai, cos seus icónicos murais de Rosalía de Castro e Castelao en Queens. Forma parte do proxecto Expostas, onde con outras artistas reflexiona sobre o papel da muller na arte contemporánea.
![]() |
Mural de Vanesa Alvárez. Fotografía extraída de https://streetartcities.com/cities/vigo/markers/19956 |
Por último, a todos e todas as que chegáchedes ata aquí, e porque como dixemos antes cremos firmemente no poder da arte, deixámosvos esta marabillosa produción audiovisual de Fillas de Cassandra que conxuga a musica tradicional galega co pop eletrónico.
E berramos ben forte... NIN UNHA MENOS!
Comentarios
Publicar un comentario